Que é FADAS Lugo
FADAS Lugo é o acrónimo da Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo, nada no ano 2012 na cidade de Lugo e como ven recollido no artigo 4 dos seus estatutos, ten un ámbito de actuación autonómico.
A Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo é unha entidade sen ánimo de lucro que dispón de personalidade xurídica propia e plena capacidade para obrar.
A sede social de FADAS Lugo atópase na Casa María Mariño, sita na Rúa Monte Faro número 2, 1º andar, Código Postal 27003, Lugo.
Tanto FADAS Lugo, como os seus membros son definidos polo Consello Estatal de ONG de Acción social como “entidades privadas de carácter voluntario e sen ánimo de lucro que funcionan de xeito autónomo e solidario, tratando por medio de accións de interese xeral impulsar o recoñecemento e o exercicio dos dereitos sociais, de lograr a cohesión e a inclusión social en todas as súas dimensións e de evitar que determinados colectivos sociais queden excluídos duns niveis suficientes de benestar."
Os obxectivos de FADAS, recollidos nos seus estatutos son:
-
Estabelecer vínculos entre as distintas asociacións do ámbito social para fomentar a colaboración e o traballo en rede.
-
Servir como interlocutora entre estas asociacións e os distintos organismos públicos e privados.
-
Axudar na inclusión social dos diferentes colectivos tratados polas entidades participantes nesta Federación.
E para acadar esas metas, FADAS Lugo impulsa, organiza, participa e actúa en cantos actos, reunións, programas e/ou actividades considere necesarias.
As áreas nas que traballan as entidades membro da Federación son as seguintes:
Cooperación ao Desenvolvemento, Comercio Xusto, Poboación migrante, Diversidade Cultural, Crecemento e Empoderamento Persoal, Infancia, Igualdade (Muller), Vítimas de violencia de Xénero, Maiores, Persoas con adicións, Persoas reclusas ou ex-reclusas, Dependencia de Substancias, Voluntariado, Ámbitos da Saúde e Socio-Laboral.
En case todas estas áreas traballan máis dunha entidade membro de FADAS e neste sentido debemos ter en conta:
-
A coincidencia de traballar máis dunha entidade responde á demanda social.
-
Que a área de actuación sexa coincidente non significa que os programas, servizos ou actuacións tamén o sexan, senón que estes poden ser complementarios.